Por exemplo… O Casal

Fóra do noso traballo puramente institucional, nos últimos días visitamos a aldea do Casal. Os seus veciños e veciñas levan anos reclamando unha atención por parte do Concello de Cuntis que solvente as principais carencias da súa aldea. Puidemos coñecer de primeira man as súas demandas, e vimos de rexistrar por escrito unha solicitude para que o Goberno Municipal proceda de inmediato a atendelas. O coñecido abandono que padece a práctica totalidade do rural de Cuntis fai que falemos de necesidades moi semellantes, e en moitos casos sinxelas de solventar, xa que non requiren un gran investimento.

No Casal sinalamos principalmente tres demandas, aínda que está presente a máis común: o saneamento integral. Lamentablemente, o Goberno Municipal denegou esta proposta que Veciñanza impulsara para os investimentos do Plan Concellos 2017.

  • Os veciños e veciñas contan cunha fonte lavadoiro en bo estado, coñecida como a Fonte da Perguiza, restaurada non fai moitos anos, pero que presenta a insólita situación de carecer de acceso. Ademais de non contar cun paso adecuado para chegar ata ela, os/as veciños/as reclaman tamén que o Concello de Cuntis asuma o mantemento mínimo que tan só consistiría en cortar a herba periodicamente, para evitar que a vexetación engula a propia fonte. Ata agora son eles/elas os/as que asumen ese traballo, que corresponde obviamente á administración municipal.

 

  • A escasos metros foi parcialmente desmantelada outra fonte da que tamén se serven os/as veciños/as da aldea, a coñecida como Fonte de España. Contaba con tellado e estaba ben acondicionada. Agora reclaman a reposición das estruturas que lle foron retirados e a conservación e coidado pertinentes dun elemento patrimonial como é esta fonte.

 

  • Os elementos de xogo que constituían o parque infantil que se atopa na carballeira atópanse nun estado lamentable, inservibles moitos deles e mesmo perigosos se son utilizados por nenos/as. Indican que nas fins de semana e nos veráns xúntanse bastantes nenos/as, así como cada día persoas maiores no único e deficiente banco que teñen para sentar a falar ou a descansar. Non foron repostos nin arranxados dende a súa colocación, o que impide o aproveitamento adecuado dunha fermosísima zona de lecer e de encontro na aldea.

Tal e como nós visitamos periodicamente as aldeas, sería desexable que o equipo de Goberno fixese o mesmo, pero non unicamente para cumprir o trámite, senón para escoitar e coñecer as demandas veciñais de primeira man. E xa postos, tratar de cumprilas.

Nas próximas semanas continuaremos o percorrido, e de seguro escoitaremos queixas moi semellantes ás do Casal. Agardamos que o compromiso co rural se materialice e os veciños e veciñas das nosas aldeas disfruten dunha atención aceptable.

Share

Tamén pode gustarche...